Exposición de xoiaría _ Ana Benito
Novembro 4 - Novembro 15

Acollemos unha nova exposición na tenda para mostrarvos o traballo de Ana Benito Vinós, unha xoieira de Compostela con medio corazón mexicano. É por iso que ambas culturas están presentes en cada unha das súas pezas:
Ela mesma se nos presenta:
“Se me tivese que describir, diría que son bióloga de corazón e xoieira de paixón; que son amante dos animais e da natureza; que me gusta coñecer lugares, xente, comida, costumes; que agradezo e atesouro ser de dous países, porque nacín e crecín en México, pero as miñas raíces son todas de España; que a vida me parece un transitar fascinante e que sempre crin que é un agasallo poder facer o que a unha lle gusta e apaixona.
As xoias e as pedras chamáronme a atención desde que teño memoria. Outra fascinación que teño son as ferramentas. O meu pai regaloume os meus primeiros alicates (que aínda conservo) e algúns fíos e chapas de latón, alpaca e cobre; foi nese momento que se me abriu o mundo de crear cousas que están na miña cabeza.
A miña inspiración é o mar e as montañas. Reproducir as curvas da natureza, as asimetrías, as espirais…, todo iso está reflectido nas miñas pezas.”
Pezas únicas de xoiaría que vos recomendamos visitar. Toma nota!
Exposición: Xoias da natureza
Técnicas empregadas: técnicas tradicionais de xoiaría
Autora: Ana Benito Vinós
Nome da marca: Ana Benito
Lugar: Mercado Galego da Creatividade
Data: 4 – 15 de novembro
Horario: 10:30 – 20:30 h
Coñece o traballo de Ana:
Instagram: @ana_benito_joyera



