- This event has passed.
Exposición _ Ruxe design
Outubro 21 - Novembro 1

Jenny é a quinta xeración de colareiras de O Grove. As mulleres da vila recollían as conchas que o mar deixaba atrás, uníanas con fío e elaboraban divertidos colares que logo vendían na Illa da Toxa a visitantes fascinados co traballo final destas artesás. De tales raíces nace a inquietude da nosa compañeira por crear beleza coas mans, por investigar novos xeitos de como aproveitar os recursos que a natureza nos dá para crear novos lenzos, coas nosas propias cores e texturas.
E podedes imaxinar como deste berce nace Jenny, un bulebule, un fervedoiro de ideas, un fuxefuxe que sempre está aprendendo novos xeitos e técnicas de creación artesanal; unha mente que non para de innovar e unhas mans que non deixan de moldear. Por iso, entre o seu traballo, atopamos varias coleccións:
SUCA, en honor á súa avoa, é o nome da colección de pezas elaboradas artesanalmente coas conchas do mar.
MARMA é o nome que reciben as obras que crea artesanalmente con resina mineral ecolóxica. Están inspiradas no terrazo e contan cunha ampla variedade de cores, formas e mesturas.
ALMA, son pezas que xorden da súa paixón por coñecer os minerais naturais e convertelos en arte para lucir.
TERRA nace do seu amor pola cerámica. Unha paixón que a conquistou dende os seus inicios e a levou a mergullarse en aventuras e aprendizaxes que non parecen ter fin.
De todas estas coleccións podes ver exemplos a través desta exposición.
Toma nota:
Exposición: ‘Ruxe desing’
Técnicas empregadas: cerámica, conchas mariñas, resina ecolóxica
Autora: Jennifer Martínez
Nome da marca: Ruxedesign
Lugar: Mercado Galego da Creatividade
Data: 21 de outubro – 1 de novembro
Horario: 10:30 – 20:30 h

Fotografías de: @labarral



