
- Este evento pasou.
Exposición de escultura _ Napalmadaman
Outubro 18, 2022 - Outubro 29, 2022

Inauguramos unha nova exposición no Mercado.
Desta vez abrimos as portas para marabillarnos, en vivo e en directo, co traballo Juan.
Como moitos e moitas sabedes, é un compromiso compartido entre as moitas marcas deste colectivo, reducir a cantidade de lixo que desbotamos para coidar o planeta que nos acolle e deixar a menor pegada posible. Cada quen no seu sector, intentamos crear deseños orixinais a partir de materiais que de xeito habitual van ao lixo. Materiais que están en perfecto estado e que con un pouco de imaxinación poden ser empregados para crear algo útil e necesario, e así evitarnos mercar outros novos, para facer o mesmo, e seguir xerando mais residuos.
E por que recordamos isto?
Porque a seguinte colección de obras caracterízase, ademais de por orixinalidade e deseño, polo compromiso e a responsabilidade de Juan cos materiais empregados á hora de traballar.
Cantos paquetes chegan aos nosos fogares a diario? Canto recheo ven nesa paquetería e vai directamente ao lixo, estando en perfecto estado? E que podemos facer con el para empregalo en algo útil e non tiralo?
Estas preguntas son as que fixo Juan antes de poñer en marcha a súa marca: Napalmadaman. E tamén se fixou en que un dos materiais mais abundantes como protector e illante é o polistireno expandido (coñecido popularmente como poliespan). Un material moi usado para embalar electrodomésticos, materiais de obra…, que chega impecable ao seu destino e así de intacto vai directo ao lixo. De aquí xorde a idea do noso compañeiro.
Desde ese momento no que xorde a idea, son moitos os e moi diferentes os produtos que Juan foi creando. Mais para esta exposición decidiu poñer como centro da mesma, a luz, e crear entorno a ela, orixinais e marabillosos deseños de lámpadas a partir deste material reutilizado: o polistireno.
Este creativo autodidacta, xa leva mais de cinco anos co seu proxecto, sustentado na reciclaxe de materiais e apostando por unha verdadeira economía circular.
Convidámosvos a ver este seu último traballo, a elegancia coa que xoga coa luz e como, a partir dun bo deseño e moita creatividade, converte o polistireno nunha lámpada exclusiva.
Título da exposición: “BRANCO”
Técnica: corte de polistireno expandido con fío de ferroníquel ou fío de nicrom, tamén coñecido como fío quente.
Autor: Xoán Lens
Marca: Napalmadaman
Lugar da exposición: Mercado galego da creatividade
Data: Do 18 – 29 de outubro
Instagram: @napalmadaman
Facebook: @Napalmadaman