- Este evento pasou.
Exposición de fotografía e ilustración _ Casal de Creación
Novembro 1, 2022 - Novembro 12, 2022
GALIZA PROFUNDA é unha exposición colectiva que vai facer pousada, entre outros moitos sitios, no Mercado Galego da Creatividade. Unha ollada á realidade do rural galego a través da ilustración e fotografía contemporáneas.
Aquí deixamos a presentación que elas mesmas nos achegan:
A visión do rural galego brinca ás veces entre as imaxes certamente idealizadas que del conservamos de cando eramos cativos, os prexuízos cara o mesmo pero tamén a confrontación fronte á idealización que supón voltar a el cunha ollada adulta.
Esta mostra pretende, dende a conciencia e visión crítica das artistas escollidas, facer unha dignificación do mesmo fronte a unha visión clasista, reaccionaria, costumista e ata denigrante do rural galego que xerou co tempo un “autodio” cara o mesmo, e por conseguinte, cara a toda cultura galega. Pois Galiza non se pode nunca desligar da súa ruralidade como país. Tal “autodio” foi fomentado polo escurantismo dictatorial ao longo dos seus corenta anos de duración, mais segue perdurando aínda no imaxinario colectivo do Estado e entre parte dos propios galegos e galegas. Esta idea refléxase de forma explícita, por exemplo, na diglosia persistente.
Se ben é certo que fronte a certas visións utópicas do rural galego que se poidan ter dende a cidade, o día a día no mesmo alónxase desa idealización. Por iso tamén, as pezas elixidas axúdannos a confrontar esa dimensión bucólica á realidade tan dura que pasaron os nosos avós e avoas, especialmente as mulleres, feito reflexado en pezas como a de Lidia Cao ou nas lavandeiras do colaxe de Pampillo Store; ou noitras profesión case exclusivamente femininas da man de Xiralúa. Mulleres bravas e homes que con todo en contra lograron erguerse e sobrevivir en tempos de miseria tal como a posguerra. A Memoria Histórica tamén está presente na mostra cos frotagges de Rebeca Lar e xoga un pael chave para entendermos a actual concepción do país e os seus silencios.
GALIZA PROFUNDA quere facernos reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Cómo, a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos. Reflexión esta última representada na obra que fecha a mostra: a ilustración de Pruden TT na súa colaboración con Acontravento.
O peso do caciquismo e posterior franquismo e a actual concepción da Galiza infravalorada no conxunto do Estado, é aínda unha lousa que a pesares do tempo, segue a alimentar esa idea de “autodio” aínda latente en parte da sociedade galega.
Título da exposición: ‘GALIZA PROFUNDA‘
Técnica: ilustración e fotografía
Autoras:
- Lidia Cao
- Pampillo Store
- Mary de Lirios
- Deica Creacións
- Acontravento / Prudent TT
- Cavaliño do Demo
- Xiralúa
- Ariadna Silva Fernández
- Sabela Eiriz
- Alberte Peiteavel
- Rosa de Cabanas
- Rebeca Lar
- Alejandro Mosquera
- Neka (Artista convidada)
Enmarcación creativa: Casal de Creación
Lugar da exposición: Mercado galego da creatividade
Data: Do 1 – 12 novembro