- Este evento pasou.
Exposición de xoiaría con traballo en directo _ Soledad Mato
Abril 4, 2023 - Abril 16, 2023
Abrimos as portas dunha nova exposición, a da nosa compañeira Soledad Mato.
Soledad é unha xoieira con gran traxectoria no mercado e cuxas pezas se caracterizan, como vos contamos noutras ocasións, pola combinación dos marabillosos minerais que a natureza nos proporciona coa prata que ela mesma traballa de xeito totalmente artesanal, peza a peza.
Por suposto que a súa xoiaría será a protagonista desta exposición mais Soledad quere empregar a mostra de traballo en directo para despedir, coa honra que se merece, ao que foi o seu compañeiro de batalla durante moitos anos, o seu soprete.
O traballo artesán vai moi ligado á ferramenta e a miña ferramenta predilecta é o soprete.
Cando iniciei o meu proxecto como artesá da xoiaría elixín como modelo de soprete, un soprete con fol. Daquelas xa estaba desestimado pola maioría de xoieiros e xoieiras. Dicían que era máis complexo de traballar con el e que ocupa máis espazo.
Para min, foi e é, a ferramenta perfecta. A súa chama pódese variar en cada momento cun leve movemento do pé.
Mais chegou o momento de darlle a despedida que se merece ao que foi o meu compañeiro de traballo durante máis de trinta anos. Toca xubilalo e dar paso ao que vai ser o seu substituto. Unha ferramenta mais nova, que conserva as mesmas características e que espero que me acompañe durante a derradeira etapa da miña vida profesional.
Longa vida á artesanía, e longa vida á ferramenta manual!!!
Fermosa despedida a que Soledad brinda a este aparello tan especial para ela, non si? É a maxia da artesanía, das cousas feitas á man.
Non te perdas o traballo desta creativa!
Actividade: Exposición de xoiaría
Autora: Soledad Mato
Marca: Soledad Mato
Lugar: Mercado Galego da Creatividade
Data: 4 – 15 de abril
Instagram: @soledadmato
Facebook: Joyas únicas Soledad Mato