- Este evento pasou.
Exposición de pintura _ Cuire acuarelas
Maio 9, 2023 - Maio 20, 2023
Abrimos as portas a unha nova exposición de arte. A persoa que nos convida a coñecer a súa colección de obras é Sandra Cuiña.
Sandra ensina todo o seu traballo baixo a marca de Cuire acuarelas e así nos relata a súa traxectoria e as motivacións que a levaron a refuxiarse no universo da pintura:
Son poucos os momentos que lembro da miña infancia sen uns lapis de cores e un blogue de debuxo nas mans. Os meus libros do colexio estaban repletos de deseños e bosquexos, as miñas horas de lecer transcorrían entre ceras Manley e folios nos que deixaba voar a miña imaxinación, porque debuxar, enchíame e facíame feliz.
Non deixaba pasar un verán sen ir a clases de pintura para mellorar a miña técnica. Aprendín a pintar con óleo, disciplina que fun perfeccionando no meu peculiar estudo: o cuarto da lavadora.A pintura convivía coa outra miña paixón: escribir. Así que, cando chegou a hora de marcharse á universidade, elixín a segunda, quizais, porque me parecía menos complicado labrarme un futuro nese mundo.
Durante moitos anos deixei practicamente o debuxo de lado. Mais todo iso cambiou cando chegou a pandemia. A ansiedade e o temor ao descoñecido fixo que recorrese a todo tipo de ferramentas para facer fronte á situación tan surrealista, e a pintura, volveu á miña vida en forma de acuarela.
Cando collía os meus pinceis, esquecíame da Covid. As máscaras e o peche facíase un pouco máis levadeiro. Así regresou a pintura á miña vida e así naceu ‘Perdida en Compostela’, unha exposición na que teñen un gran protagonismo as peregrinas, porque na miña cabeza é imposible entender Santiago sen o Camiño, que ao final se converte nunha metáfora da vida. E é que a gran maioría dos que percorren a Ruta fano en momentos de crise ou de procura de respostas, que ao fin e ao cabo é o que todos facemos ao longo da nosa existencia. Ademais de peregrinas, en ‘Perdida en Compostela’ tamén hai moitas mulleres de costas que, como as camiñantes, tamén buscan respostas; Marías 2.0, que son unha versión renovada doutro dos símbolos da cidade: As Dúas en Punto; flores, e todo aquilo que forma parte do meu universo picheleiro.
Convidámosvos a coñecer a esta artista, Sandra, e o resultado dunha das súas paixóns, a pintura.
Título da exposición: ‘Perdida en Compostela’
Autora: Sandra Cuiña
Marca: Cuire acuarelas
Lugar: Mercado Galego da Creatividade
Data: 9 – 20 de maio
Instagram: @cuireacuarelas