- Este evento pasou.
Exposición de ‘arte enlatada’ _ Vaidelatas
Setembro 2, 2022 - Setembro 16, 2022
Temos unha nova e orixinal exposición no Mercado. E como di o nome deste proxecto, a cousa ‘vai de latas’.
Araceli Blanco e Mar Castro son as creativas que están detrás desta marca: Vaidelatas.
Mar e Araceli representan ideas, conceptos e escenas do mais singulares, usando como escenario para elas, latas de conserva. Crean pequenos universos dentro dun espazo tan reducido como é unha lata. A idea é moi orixinal, non si? Pois o resultado é marabilloso.
Partindo do produto base, unha lata, estas creadoras empezan a deseñar a idea que queren representar nela. Para representar ese concepto artístico, empregan materiais como son as súas propias fotografías, xa que ambas son profesionais desta arte, e reutilizan diferentes materiais que van atopando e lles inspiran para montar a peza.
Como podedes ver, usan latas de conserva e outros materiais de diferentes texturas e orixen, todo reciclado. Ese é o compromiso destas artesás, darlle unha segunda vida ás cousas en vez de levalas directas ao lixo.
O feito de que todo se represente en envases de conserva é a súa especial homenaxe a cantas mulleres traballaron, traballan e seguirán traballando nas nosas conserveiras. Vai por elas!
Título da exposición: “Vaidelatas”
Técnica: collage, fotografía…, entre outras moitas artes
Autoras da exposición: Araceli e Mar
Marca: Vaidelatas
Lugar da exposición: Mercado Galego da Creatividade
Data: 2 – 16 de setembro
Instagram: @vaidelatas
Facebook: Vaidelatas Compostela