- Este evento pasou.
Escaparate Vivente sobre ‘Arte Plástica’ _ Mónica García
Maio 28, 2022
A actriz, Mónica García, iníciase como artista plástica baixo a marca Espantalla. E nunca mellor dito, porque o próximo sábado, día 28 de maio, presenta a súa colección de pendentes e cestos feitos de plástico reutilizado.
Faino desde o escaparate do Mercado, cunha actuación en directo e acompañada polo actor Roberto Leal.
Mais…, como comezou todo isto? Ela mesma nolo conta:
Despois do confinamento fíxenme cunha hortiña urbana na Almáciga e cando chegou o momento de facer o espantallo (pois as hortas de toda a vida tiveron un), recorrín ao máis rechamante que tiña á man para que os paxaros se espantasen moitísimo: as botellas de plástico que había no lixo. A verdade é que quedou bastante resultona (saíume de xénero indefinido, pero tirando máis ben a chavala). O caso é que a miña Espantalla ten moito éxito. É fotografada por moitas paseantes e é parada obrigada para a cativada que frecuenta o parque. Mesmo a atopo por sorpresa nas redes sociais de xente descoñecida.
A Espantalla cóidame a horta pero tamén me fixo cavilar nas moitas posibilidades que ese lixo tan colorido e vistoso me ofrecía no meu compromiso co medio ambiente. E cando tiven a covid fixen un cesto de plástico .O material non se dobregaba moi facilmente, pero non me resignei: fartei de ver titoriais de cesteiría, deseñei ducias de prototipos, cortei, quentei, trencei e destrencei, peguei, grampei, corteime… e, finalmente, o cesto quedou moi chulo. O camiño xa non tiña retorno. Detrás dos cestos viñeron os pendentes, os colares…Dende entón a miña contribución a reducir residuos plásticos non para de medrar pois na miña casa, na da miña familia, na das miñas amizades e en moitos locais de hostalería que frecuento… xa non se tira nada ao colector amarelo!
Vouvos dar uns datos: A produción de plástico en 2020 chegou case aos 500 millóns de toneladas. Preto do 40% son plásticos dun só uso. O mar recibe 13 millóns de toneladas de residuos plásticos cada ano. Cada minuto mércanse un millón de botellas de plástico. Só se recicla un 9% do lixo plástico no mundo, o 19% incinérase, o 50% acaba en vertedoiros e o 22% restante queda fóra da xestión de residuos (fogueiras abertas, vertedoiros ilegais e o propio medio natural)
Algo haberá que facer! Arte plástica?
Actividade: Escaparate Vivente de reutilización de plásticos para crear arte
Autora: a actriz, Mónica García
Marca: Espantalla
Lugar: Mercado Galego da Creatividade
Data: 28 de maio
Horario: 19:30 h
Instagram: @espantalla