Cati Lanza · Unha ventá ao mar
Outubro 20 @ 10:30 a.m. - Outubro 31 @ 8:30 p.m.

Do 20 ao 31 de outubro, o Mercado Galego da Creatividade acolle unha exposición de pinturas de Cati Lanza, unha artista galega que nos invita a mirar o mar desde unha perspectiva íntima e persoal.
Nesta mostra, o mar convértese nun espazo de memoria: un mar eterno e infinito, o mar da infancia, recoñecible nas súas praias, nas mareas e nesa luz cambiante tan propia das costas de Galicia. A través duns encadres moi persoais, Cati achégase a estas paisaxes como se mirásemos a través dun teleobxectivo, deténdonos en pequenos fragmentos dun territorio en constante transformación.
A súa experiencia como fotógrafa, xunto coa súa traxectoria na pintura abstracta, reflíctese nunha obra de gran dominio técnico e cromático. As mareas, a area mollada, o ceo e os reflexos da luz constrúen composicións nas que mar e ceo parecen fundirse, creando unha sinfonía de cores que muda a cada instante.
A exposición achégase tamén ao que permanece oculto baixo a superficie. A través da técnica mixta e do óleo sobre lenzo aparecen delicadas criaturas mariñas representadas sobre pan de ouro, como os cabaliños de mar, que nos lembran a extraordinaria riqueza dun ecosistema que aínda estamos a tempo de protexer. Nas pinturas nocturnas aparece a “ardentía”, esa maxia do mar que se ilumina na escuridade grazas aos pequenos seres que o habitan.
Percorrer as pinturas de Cati Lanza é intentar deter o efémero: capturar un instante que sabemos que axiña cambiará, como cambia a paisaxe coa chegada dunha nova onda ou dunha nova marea.
Unha exposición para mirar o mar sen présa e deixar que, por un momento, o tempo se deteña diante da súa beleza.
📍 Mercado Galego da Creatividade
📅 Do 20 ao 31 de outubro
Deseño do cartel e texto: Amor ó Teu
#MercadoGalegoDaCreatividade #CatiLanza #ArteGalega #PinturaGalega #CulturaGalega



