Exposición de escultura de madeira _ SonAgasallo
Novembro 26 - Decembro 8
Sorprendemos cunha nova exposición na segunda planta da tenda: a colección de esculturas de madeira elaboradas por Ruth e José Manuel da marca SonAgasallo.
Así nos falan desta colección de obras:
Porque nos gusta a natureza e as segundas oportunidades…
De aquí xorde a motivación de todo o noso traballo, de reutilizar pezas de madeira para artisticamente darlles unha segunda vida converténdoas en arte. Sempre estamos na procura continua de crear novas formas e reinventarnos, imitando o bo facer da natureza que consegue rexenerarse a si mesma.
O material base co que traballamos é a madeira. Con ela elaboramos esculturas, pezas de decoración en múltiples formatos e complementos únicos. Todas elas son obras orixinais, irrepetibles e inspiradas na natureza que nos rodea e os seres vivos que nela habitan.
Cada creación desta exposición leva, aparte de moitas horas de duro traballo e meticulosa dedicación, un anaquiño da nosa alma, e un chisco de maxia. Elementos que nos gustaría achegarvos durante a visita á mesma.
Unha colección que ten como protagonistas aos nosos Tahumis, uns seres máxicos creados por nós mesmos como ferramenta educativa, para axudarnos a falar coas crianzas sobre o valor da natureza, o respecto que lle debemos a todos os seres vivos cos que convivimos nela, a loita contra a contaminación, a ecoloxía ou a sostibilidade. Podes atopar os Tahumis en diferentes tamaños e rodeados de seres vivos cos que cohabitan.
Estes seres máxicos viven no Monte Tahúme —en Porto do Son—, de aí o seu nome. Protexen o seu monte das inclemencias e principalmente, das accións do ser humano como son os incendios, a deforestación, a contaminación… Non solemos velos á luz do día, xa que cando algún se despista e é alumeado polo sol, transformarase en humano e pasa a vivir entre nós, nas aldeas das ladeiras do monte.
Esperamos conseguir transmitirvos, a través dos Tahumis, un pouquiño da maxia da natureza que nos rodea.
Título da exposición: “Os Thaumis”
Autores: Ruth e José Manuel
Marca: SonAgasallo
Lugar: Mercado Galego da Creatividade
Datas: 26 de novembro – 8 de decembro
Horario: 10:30 – 20:30 h
Coñece o traballo destes creativos:
Instagram: @sonagasallo
Facebook: SonAgasallo