Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

Exposición de obras de arte plástica _ Espantalla arte plástica

Maio 23 - Xuño 3

Abrimos as portas para presentarvos unha nova exposición. A protagonista desta colección de obras é a nosa compañeira Mónica García. Nos escasos momentos libres que lle deixa a súa carreira de actriz, Mónica fai pezas únicas, á man, moitas delas baseándose nas técnicas da cestería tradicional e creadas a partir de plástico reutilizado.

O ano pasado, sorprendeunos cunha intervención no escaparate do Mercado, para presentarnos a súa marca: @espantalla arte plástica. A través dunha performance chea de humor e cores, descubríanos as arrepiantes cifras de residuos plásticos que xeramos e como podemos convertelos en marabillosos pendentes e orixinais cestos, contribuíndo así a reducir os tan contaminantes residuos plásticos.

Estamos desexando ver con que nos vai sorprender nesta exposición!!!

Chegou a primavera e as hortas énchense de vida. A HORTA DA ESPANTALLA  xa está ateigada de flores. Hai flores de todas as cores e de moi diversas procedencias, hainas que veñen de Verín e  Mondariz, outras da China, onde fabrican as multinacionais, e algunhas mesmo foron recollidas por min en Tailandia.

Esta horta tan especial quere ser unha homenaxe a todas as hortas, dende as urbanas ás da aldea, dende as máis aqueladiñas  ás máis caóticas, e dende as de toda a vida ás máis innovadoras. Porque as hortas, alén de ser provedoras de comida saborosa e saudable, son espazos para esquecer as présas e conectar coa terra e coas persoas: as horticultoras veciñas que comparten saber e sementes, as paseantas maiores que me dan consellos sobre cal é a boa  lúa para plantar ou colleitar, e xa postas, falan da vida; as máis urbanitas que admiran como obra a natureza e preguntan  por esta ou estoutra planta, e a cativada, claro, que ten parada obrigada na miña horta para se interesar pola rechamante espantalla feita con refugallo plástico.

Son, xa que logo, as hortas símbolo de sustentabilidade e resiliencia: crean comunidade, poden ser  terapia marabillosa, contribúen a reducir desperdicios, e conciénciannos da nosa responsabilidade co medio ambiente, por non falar de que nas hortas da Almáciga temos os mellores solpores de Compostela ;).

 Ao final ter unha horta e reutilizar lixo plástico, as miñas dúas “actividades extraprofesionais”;), son parte dunha mesma filosofía de vida: consumir de xeito responsable e ser o máis respectuosa posible co planeta!

 

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN: martes, día 23 de maio, ás 19:30 h!!!

 

Título da exposición: ‘A Horta da Espantalla’
Autora: Mónica García
Marca: Espantalla arte plástica
Lugar: Mercado Galego da Creatividade
Data: 23 de maio – 3 de xuño

 

Instagram: @espantalla

Detalles

Comezo:
Maio 23
Remate:
Xuño 3
Categoría do Evento:

Deixa un comentario

0
    0
    A túa cesta
    A túa cesta está baleiraVolver á tenda