Programa cero. Coñecendo ás promotoras do proxecto
O meu nome é Laura González, son xornalista e promotora deste podcast de Creativas Galegas. Coa ollada posta en temáticas sociais e culturais, amante do cinema, a fotografía e a lectura e coa curiosidade pola vida como elemento transversal, a idea orixinal deste proxecto xorde do interese que me provoca unha iniciativa como a destas tres mulleres. Creativas Galegas conforma unha galaxia de artistas cun soño común. A partir dos seguintes meses convídovos a que nos asomemos xuntos a este soño para así poder coñecer máis sobre este colectivo e as persoas que o conforman. Como xorden as súas marcas, que os inspira, cales son os seus procesos de traballo e en definitiva, todo o relacionado co mundo da creatividade.
Creativas Galegas nace a finais de 2019 co fin de axuntar ao amparo dunha única marca as necesidades de numerosos profesionais do eido cultural galego: creativos, artesáns, artistas escénicos e pequenos e selectos produtores…, tecendo unha rede de apoio baixo o selo común de crear e deseñar en Galicia.
O seu lema, ‘…compartir para crecer!’ compendia á perfección a súa finalidade, baixo unha entidade común, xuntar forzas para así conseguir logros comúns como:
– Poder de negociación grazas a un concerto colectivo.
– Mais visibilidade e tráfico de clientes obxectivos aos espazos de venda pola suma de forzas e recursos de todas as persoas do colectivo.
– Competir no mercado con un produto artesanal fronte ao produto importado.
O tecido desta rede local atende á cobertura dunha serie de necesidades comúns a tódalas marcas, entre as que se atopan:
– Ter un lugar único e especializado onde a clientela poida, de xeito moi sinxelo, atopar moitas marcas e persoas creativas galegas.
– Un espazo que facilite ás persoas creativas coñecerse para poder colaborar, compartir coñecementos e crear sinerxías.
– Un lugar onde mostrar o seu traballo en directo para divulgar os procesos creativos artesanais.
– Un sitio no que, mediante un trato directo e próximo, atender á súa clientela, que coñezan de primeira man os produtos e servizos que ofertan, ás profesionais que traballan detrás de cada unha das marcas e as súas filosofía de traballo.
Cando as ecuacións cambian e se ven renovados os procesos produtivos, xorden novas formas de facer as cousas. A crecente inquedanza pola sustentabilidade xunto cunha maior conciencia cara un desenrolo máis responsable traen consigo un cambio de paradigmas, no que o comercio de proximidade se ve revalorizado dunha vez por todas.
O respecto pola artesanía e a tradición son dous dos piares fundamentais sobre os que se erixe Creativas Galegas e por iso, lonxe de verse desanimados polas circunstancias pandémicas, dende todo o colectivo, que non deixa de medrar, demostran que emprender e seguir o corazón poden ir da man.
Ao longo dos próximos meses achegarémonos en forma de pequenos fragmentos sonoros ás persoas que están detrás de todas estas marcas. Desta maneira coñeceremos a ilustradores/as, decoradores/as, fotógrafos/as, músicos/as, artesáns/ás, deseñadores/as de complementos, roupa, webs..,. que non tiveron medo a probar, que se lanzaron a apostar polos seus proxectos e se nalgún momento caeron, volveron erguerse. Unha forma de mostrarse como persoas inconformistas que loitan por labrar un camiño propio a seguir, agora baixo o amparo da marca paraugas que supón para todas elas Creativas Galegas.
Esta é a primeira entrega de ‘Coñecendo a Creativas Galegas’ na cal descubrimos ás tres persoas detrás deste proxecto, Bea Barril, Isabel Pernas e Sandra de Rego e sentámonos a falar con elas sobre a busca de historias propias, o que inspira ao artista e o que o fai dubidar, facendo paradas polo mundo do emprendemento e a creatividade e a súa realidade en Galicia. Valo perder?
Viva Creativas Galegas!!
vivaaa!!