Unha idea orixinal de Laura González.
Que mellor fórmula hai para coñecer o traballo dun artista que a de que sexa el mesmo o que nos fale sobre o seu proceso creativo?
Compartimos convosco un podcast que vai espertar a vosa alma imaxinativa, dende a voz dos seus protagonistas. Unha visión sobre as diferentes marcas que aniñan baixo o colectivo de Creativas Galegas dende o seu interior. En cada un dos capítulos que conforman esta paisaxe sonora coñeceremos e escoitaremos ás persoas que se agochan tras estas marcas.
Neste capítulo presentamos a Juan Fuente que nos falará do seu proxecto e nos mostrará a forma de expresar a súa arte.
A marca:
Tejeluz, arte en vidro.
Quen está detrás do proxecto:
Juan Fuente.
Profesión:
Artesán vidreiro.
Breves pinceladas da técnica empregada:
Son variadas as técnicas coas que traballar o vidro; é un mundo inmenso. Eu traballo unha que se chama fusing e ven sendo a fusión do vidro.
A idea xeral detrás do meu proxecto é a de levar o concepto das grandes vidreiras de cores a algo mais pequeno que podes levar posto.
Ao ser un proceso totalmente artesanal dá lugar a pezas únicas, exclusivas.
Momento ou motivo de inicio do proxecto:
O momento no que decidín que quería canalizar a creatividade que poxa por saír do meu interior e facelo a través dun material que coñezo moi ben, o vidro.
Ademais de que coñezo moi ben este material, tamén me fascina cando vexo a maxia que fai o vidro cando o alcanza o sol. É moi difícil esquecer e deixar de lado esa imaxe máxica. Para min o vidro e a luz son amantes.
Tamén me aporta unha satisfacción moral o feito de estar facendo un traballo sostible, cun material non contaminante e reciclable. É un pracer persoal, recuperar certos vidros que me parecen fermosos e van ser desbotados, para darlle una segunda vida .
Que debe plasmar o traballo final:
Ten que espertar sensacións, emocións, e debe ser un traballo que transmite harmonía, fermosura e elegancia. Esa é a meta.
O vidro é altamente expresivo e pode contarnos moitas cousas a través da vista. É un material que comunica alegría e “a felicidade tamén se ve”.
Unha película, un libro e unha canción de inspiración:
“O amor imposible” de Porco Rosso é moi poético.
A estética e as ideas subxacentes en “2001. Unha odisea do espazo” son moi estimulantes.
“Luca”, vina recentemente coa miña nena e gustoume moito pola súa carga emotiva, porque mostra xente diferente e fala da loita polos soños, da superación…
As novelas de Julio Verne foron marabillosas na miña xuventude e no seu momento ler “O Hobbit” resultoume impactante.
En canto á música, para min é tan emotiva que se me fai difícil escoller unha soa peza, mais se teño que elixir un só autor diría David Bowie.
Un consello para alguén que quere emprender no eido cultural galego:
Moito amor polo que fai e persistencia. É unha maratón que require unha mellora constante.
O mellor consello recibido?
Pode que escoitar. Escóitao todo, mírao todo e faino teu.
Toda gran obra está formada por moitos pequenos detalles xa existentes e a arte está en como se combina todo iso. É coma un cóctel, non se descobren os ingredientes, senón o xeito de combinalos.
Por que formar parte de Creativas Galegas? Que pode aportar e que aporta?
Por unha parte polo feito de estar nunha comunidade que te entende, que pensa coma ti e fala o teu idioma. E en segundo lugar porque che pode axudar a poñer en valor o teu produto.