loader image

Coñecendo a Maite Fajardo

Unha idea orixinal de Laura González.

Que mellor fórmula hai para coñecer o traballo dunha artista que a de que sexa ela mesma a que nos fale sobre o seu proceso creativo?

Compartimos convosco un podcast que vai espertar a vosa alma imaxinativa, dende a voz dos seus protagonistas. Unha visión sobre as diferentes marcas que aniñan baixo o colectivo de Creativas Galegas dende o seu interior. En cada un dos capítulos que conforman esta paisaxe sonora coñeceremos e escoitaremos as persoas que se agochan tras estas marcas.

Neste capítulo presentamos a Maite Fajardo que nos falará do seu proxecto e nos mostrará a súa forma de expresar a súa arte.

A marca:

Pincelada de Hada.

Quen está detrás do proxecto:

Maite Fajardo.

Profesión:

Aprendiz de pintora.

Breves pinceladas da técnica empregada:

A técnica empregada para desenvolver o meu traballo é a pintura Acrílica. Esta pintura descansa en múltiples elementos: o lenzo, o papel craff, o papel de aluminio, a area das praias galegas e os diferentes papeliños que configuran un collage… Así consigo crear unha lúa, un paxaro ou unha pequena poboación escondida tras unha liña infinita.

Para dar vida á pintura utilizo elementos cotiás: pinceis, brochas, un aparello de limpar os cristais, espátulas de rascar o xeo nos coches, un levantador de pasteis, esponxas…e ata unha pala de peixe.

Momento ou motivo de inicio do proxecto:

O meu proxecto iníciase hai un ano, cando sen querer, descubro un caderno de debuxo da miña filla e unha caixa de acuarelas. Ese foi o desencadéante do meu ikigai, descubrín a miña paixón e a forma en que debería de concretala. Entón atopei o meu compás e o meu norte; o meu camiño e decidín tomalo dando pequenos pasos. Creei a miña marca, atopei un sentido ao que pintaba e por fin, atrevinme a mostralo e poñerlle un prezo, porque un valor… xa o tiña. Pero o día que vin a miña obra colgada na parede da tenda de Creativas Galegas, sentín e que eu xa gañara. Todo o que estaba por vir sería un regalo. E así foi.

Que debe plasmar o traballo final:

O meu traballo ten que emocionar a quen o mira, ten que provocar sentimentos, de calquera tipo. A persoa que compra unha obra miña, ten que estar completamente convencido de que dentro de 10 anos, cando a mire sinta a mesma emoción que o día que a adquiriu. Si non é así non debería comprala.

Unha película, un libro e unha canción de inspiración: 

Hai un libro que sempre está na miña mesa de noite “El Principito”. Intento lelo cada ano, e cada vez que o fago atopo un novo matiz dependendo de como este eu nese momento, iso é o que me gustaría que pasara coas miñas obras, que estean vivas nas súas paredes de adopción.

Unha película… “Los puentes de Madison” unha grande historia de amor de persoas valentes, que deciden dar unha oportunidade á vida.

Unha música que sempre me inspira é o jazz, esa música onde os instrumentos pelexan polo protagonismo igual que as cores nun lenzo; unha canción “Remember Clifford” de Lee Morgan.

Un consello para alguén que quere emprender no eido cultural galego:

Hai unha frase do marabilloso escritor Eduardo Galeano que sempre está presente na miña vida. Co seu permiso imos a convertela nun consello. “Hai que vivir cun ollo no microscopio e outro ollo no telescopio” A cabeza na Lúa e os pes na Terra, e o mellor xeito de emprender algo, con ilusión, pero con coñecemento dos mínimos empresariais.

O mellor consello recibido?

Foi de parte dun gran amigo que ademais era o meu xefe e dicía o seguinte: “hai que vir chorado da casa, Calimero”. Non hai que recrearse na mala sorte. Se hai que chorar, chórase, pero soamente para volver empezar máis sabio e máis forte.

Por que formar parte de Creativas Galegas? Que pode aportar e que aporta?

Realmente eu non formo parte de Creativas Galegas porque Creativas Galegas é a que forma parte de min. Iso é o que a fai diferente, é unha filosofía de vida que te impregna a alma, e que te reconforta. É un proxecto no que cada día aprendes a respectar o traballo de moitas persoas, que co seu esforzo manteñen viva unha tradición e unha cultura. E vivir iso, é un privilexio, por iso so podo dicir: grazas por ser, e non por estar e parabéns polo proxecto.

2 comentarios en “Coñecendo a Maite Fajardo”

  1. “no se puede forzar la creatividad”.
    De acuerdo totalmente contigo Maite.

    ¡¡Muy buena la entrevista!!

    ¡¡Vivan las “rotondas” !!! 🥰

    Responder

Deixa un comentario


0
    0
    Tu carrito
    Tu carrito está vacíoSeguir comprando